O Concello de Lousame convoca un concurso de fotografía co gallo do Día da Muller Traballadora - Concello de Lousame

DiaMuller

Desenvolverase no Facebook do Concello e haberá premios á imaxe con máis “Me Gusta” dunha veciña/veciñas de Lousame desenvolvendo o seu traballo e farase un sorteo entre os internautas que voten

26 de febreiro de 2018- O Concello de Lousame convoca un concurso de fotografía “Eu tamén traballo” co gallo da conmemoración do Día da Muller Traballadora. Un concurso que se desenvolverá na súa páxina en Facebook ata o vindeiro 5 de marzo e que está aberto á participación de toda a cidadanía e cunha única condición imprescindible: a imaxe deberá recoller a unha muller ou mulleres de Lousame desenvolvendo o seu traballo e o autor deberá ter o consentimento das mesmas para a súa difusión.

Todas as persoas que desexen participar deberán enviar a súa imaxe por mensaxe privada ao Facebook do Concello de Lousame (www.facebook.com/concellodelousame). No caso dos dispositivos móbiles que non teñen instalado o Messenger, o envío pode realizarse abrindo a páxina de Facebook nun navegador e mandando a imaxe por mensaxe privada. En caso de ter algún problema, tamén é posible enviar a imaxe por correo electrónico ao e-mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

En todos os casos é preciso indicar o nome da persoa na imaxe e o labor que está a desenvolver (que será o que se recolla na publicación no evento). Gañará a imaxe que reciba máis “Me gusta” por parte dos internautas na votación que estará aberta ata o vindeiro 5 de marzo.

Premios

O Concello de Lousame premiará ao autor/autora da imaxe gañadora cun vale por unha cea para catro persoas no restaurante Minas de San Finx e sorteará un segundo vale por unha cea para dúas persoas no mesmo restaurante entre todas as persoas que voten pola súa imaxe favorita no Facebook. Cada persoa poderá votar cantas imaxes queira, se ben o seu nome só entrará unha vez no sorteo.

O Concello de Lousame utilizará todas as imaxes recollidas para conmemorar o 8 de marzo o Día da Muller Traballadora.

 

Ir ao concurso