O Festival de Reis de Lousame reúne a preto de catrocentas persoas no polideportivo municipal - Concello de Lousame

Preto de catrocentas persoas participaron esta tarde/noite no Festival de Reis do Concello de Lousame, celebrado no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”. Unha festa organizada polo Concello de Lousame e que incluíu tres inchables, dous deles para nenos e nenas de curta idade e un terceiro de escalada e tobogán; un xiraloco, no que os pequenos competían por parellas; e un circuíto de coches a pedais. Ademais, durante toda a xornada estivo operativo un posto de flocos de millo de balde.

A chegada das Súas Maxestades os Reis Magos atrasouse media hora sobre o previsto, xa que previamente foron facer unha visita aos maiores do centro de día de Lousame. A iso das 18:25, Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron nunha carroza cos seus paxes, repartiron caramelos entre os numerosos nenos e nenas que os agardaban na porta do polideportivo e os escoitaron un por un sobre o escenario, onde cada pequeno levou unha bolsa de lambonadas de agasallo.

A festa rematou cunha degustación gratuíta de chocolate con churros para todos os presentes, maiores e pequenos, que foi moi agradecida nunha noite fría pero na que a choiva respectou tanto a chegada dos participantes coma da Cabalgata dos propios Reis Magos.