O Concello de Lousame aproba o alleamento dunha casa en Camboño polo procedemento de poxa ao alza - Concello de Lousame

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lousame vén de  aprobar o alleamento dun ben inmoble, composto por unha casa e unha finca de 374,83 m2, pertencentes ao patrimonio municipal do solo de Lousame. Este inmoble está situado en Corral de Abaixo 1, Chousa (parroquia de Camboño) e a súa licitación realizarase mediante procedemento de poxa ao alza.

O prego de condicións publicarase ao longo da próxima semana no Boletín Oficial da Provincia e no Taboleiro de Edictos do Concello de Lousame. A vivenda atópase en solo de núcleo rural consolidado e conta cos distintos servizos: asfaltado de camiños, rede de abastecemento de auga, rede de saneamento, electricidade e telecomunicacións. Sobre unha superficie total da finca de 374,83 m2, o inmoble conta cunha planta baixa de 80,59 m2 e unha planta baixo cuberta de 44,26 m2 construídos. A edificación dispón de muros exteriores de pedra, con forxado unidireccional de formigón, estrutura metálica de cuberta, cuberta de fibrocemento, ventás e portas.