O Concello de Lousame construirá unhas beirarrúas para unir o centro de día coa casa da cultura “Santeiros de Chave” - Concello de Lousame

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asinou un convenio de colaboración por un importe de 40.000 euros ao abeiro do plan hURBE

8 de novembro de 2017.- O alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, vén de asinar en San Caetano un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por un importe de 40.000 euros para a primeira fase das obras de humanización do acceso á casa da cultura “Santeiros de Chave”, ao abeiro do plan hURBE. Unhas obras que “acometeremos en dúas fases e que permitirán mellorar o acceso viario e peonil entre a casa da cultura e o centro de día de Lousame”, explica Teresa Villaverde.

Nesta primeira fase, o Concello de Lousame construirá unhas beirarrúas de 170 metros, entre a Casa da Cultura e o acceso ao centro de día de Lousame, procedendo tamén á pavimentación con tratamento asfáltico do viario paralelo a esas beirarrúas, que actualmente se atopa en mal estado de conservación. Uns traballos que incluirán a instalación dunha canalización doutros 170 metros para a recollida de augas pluviais.

Para humanizar este camiño procederase á colocación de dous bancos de madeira tratada e estrutura de fundición e dúas papeleiras con cuba de aceiro galvanizado e revestimento exterior de madeira tratada. Finalmente, a actuación complementarase coa colocación de dúas sinais verticais de stop. Uns traballos que estarán finalizados antes de que remate este ano 2017.

Teresa Villaverde indica que “estas obras son moi necesarias para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, pois permiten conectar dous centros con moita actividade no municipio como son a casa da cultura e o centro de día e permitirán crear unha contorna máis segura e accesible tanto para os nosos maiores como para aqueles familiares e amigos que se acheguen polo centro”. A alcaldesa de Lousame agarda poder acometer en 2018 a segunda fase das obras, que completarían a unión destas novas beirarrúas co centro de día.