A exposición foi inaugurada esta mañá pola concelleira de Cultura de Lousame nun acto no que estivo acompañada por alumnado de 1º da ESO do CPI Cernadas de Castro
12 de setembro de 2024.- A mostra Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña-Deputación da Coruña poderá verse ata o 27 de setembro na contorna da Casa da Cultura de Lousame. Unha exposición ao aire libre que busca achegar á cidadanía as políticas da Unión Europea para reducir emisións dos gases de efecto invernadoiro e que foi inaugurada esta mañá pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e polo concelleiro de Limpeza Viaria, José Antonio Ces.
Silvia Agrafojo convidou á veciñanza de Lousame a visitar esta exposición, realizada con materiais reciclados e reutilizables, como fixeron esta mañá alumnos e alumnas de 1º da ESO do CPI Cernadas de Castro, que tamén desfrutaron dunha actuación de malabares, acrobacias e equilibrios con temática medioambiental.
“Sei que sodes conscientes de que temos que facer todo o posible para avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos”, indicou a concelleira, quen lle pediu á rapazada que “convidedes ás vosas familias a visitar esta exposición ou, cando menos, a tratar este tema con eles pois, como se explica nos paneis da mostra, o obxectivo é acadar a neutralidade climática no ano 2050”.
Experiencia interactiva
A mostra busca tamén a participación do público asistente a través de dúas experiencias interactivas ás que se pode acceder dende o teléfono móbil. A primeira delas é Estación Verde, un contorno virtual en 3D no que se aloxan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña, aos que se pode acceder escaneando códigos QR.
Tamén está dispoñible o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room en liña deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades. Pódese acceder ao mesmo a través da páxina web da Deputación da Coruña.
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudarlle á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.