2 de setembro de 2024.- Algo máis de 150 persoas déronse cita na tarde de onte domingo no campo da festa de San Roquiño (Tállara, Lousame) para desfrutaren da tradicional homenaxe a Prudencio Romo, “unha institución da música galega e a figura máis senlleira e relevante da nosa banda de música”, apuntou a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, durante a apertura do Certame de Bandas de Músicas Populares.
“Prudencio deixou un legado xeneroso en forma de composicións e na formación de moitos músicos. Un traballo que quedará para sempre con nós”, lembrou a concelleira lousamiá, quen tamén agradeceu o traballo da Asociación Cultural Prudencio Romo, así como á familia do músico e a todas as veciñas e veciñas que colaboraron ou asistiron a este evento. Unha actividade á que tamén asistiron a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo; e o concelleiro de Obras, Ramón Martínez.
A décimo sexta edición do Certame de Bandas de Músicas Populares reuniu este ano á Banda de Música Municipal de Padrón e á Banda de Música de Lousame, que durante un par de horas encheron de música o campo da festa de San Roquiño. Como adoita ser habitual, a banda convidada interpretou un repertorio máis serio, con pezas como “La leyenda del beso” ou “Sinfonía Romaría”, mentres que a banda lousamiá optou por bandas sonoras, como “O príncipe de Exipto” ou “Como adestrar ou teu dragón”, e compilacións de grupos como Coldplay.
O Certame de Bandas de Músicas Populares de Lousame está organizado pola Asociación Cultural Prudencio Romo, en colaboración co Concello de Lousame e a Deputación da Coruña.