A mostra Pacto Verde Europeo de EUROPE DIRECT A Coruña chega o 13 de setembro a Lousame - Concello de Lousame
  • A exposición achega á cidadanía as políticas da Unión Europea para conseguir a neutralidade climática nas vindeiras décadas
  • A localidade acollerá tamén unha actuación de malabares, equilibrios e acrobacias na rúa o 17 de setembro ás 12.30 horas

A mostra Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña-Deputación da Coruña chega o venres 13 de setembro a Lousame. Esta mostra sobre as políticas verdes da Comisión Europea poderá visitarse durante dúas semanas, ata o 27 de setembro, na Casa da Cultura de Portobravo.

O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da UE para avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. Como se explica de maneira accesible nos paneis, o obxectivo inicial é reducir as emisións nun 55% ata 2023 como primeiro paso para acadar a neutralidade climática no ano 2050.

A mostra está acompañada dunha actuación artística que introducirá ao público na temática medioambiental a través de malabares, acrobacias e equilibrios. A cita é o martes 17 de setembro ás 12.30 horas na Casa da Cultura.

Esta é a última parada da exposición itinerante, que neste verao visitou os concellos de Carral, Negreira e Rianxo.

Experiencia interactiva

A mostra busca tamén a participación do público asistente a través de dúas experiencias interactivas ás que se pode acceder dende o teléfono móbil.  A primeira delas é Estación Verde, un entorno virtual en 3D no que se aloxan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña, aos que se pode acceder escaneando códigos QR.

Tamén está dispoñible o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room online deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades. Pódese acceder ao mesmo a través da páxina web: A aventura do Pacto Verde Europeo (dacoruna.gal)

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como  proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: Exposición itinerante Pacto Verde Europeo (dacoruna.gal)

Lousame expo horizontal