A Xunta concede máis de 237.000 € en préstamos sen xuros ao Concello de Lousame para actuacións de rehabilitación en varias contornas da localidade - Concello de Lousame

A alcaldesa de Lousame trasladoulle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda outro proxecto de 210.000 euros ao abeiro do Plan Hurbe do ano 2023

29 de novembro de 2022- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o Concello de Lousame para asinar coa alcaldesa, Teresa Villaverde, o convenio polo que concede máis de 237.000 euros en préstamos sen xuros para levar a cabo 5 actuacións neste municipio, ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Unhas actuacións que suporán un investimento de 596.871 euros.

Logo de incidir en que é a primeira vez que Lousame se beneficia desta iniciativa, a conselleira explicou que estes préstamos teñen por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. Eses cartos deberán ser reintegrados polo municipio nun prazo de 8 anos, sen xuros e sen que esta cifra conte na súa estabilidade orzamentaria. O Goberno galego incide así no seu compromiso de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispor dunha vivenda digna e axeitada.

Actuacións a desenvolver

Teresa Villaverde agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia pois “estes cartos se destinarán a actuacións moi necesarias e que, doutro xeito, non se poderían facer”. A alcaldesa de Lousame detallou as distintas actuacións que se van financiar con este empréstito. Así, puxo en valor os 66.334,11 euros achegados para mellorar a contorna da igrexa de San Xoán de Lousame para dotar á veciñanza dun espazo de lecer. O proxecto prevé a pavimentación de formigón desactivado na praza xerada e mediante lastro de pedra natural no actual trazado da estrada; a mellora visual dos contedores existentes, a instalación dunha nova marquesiña e a recollida de augas na vía.

Tamén se pavimentarán os viarios de acceso ao núcleo de Camboño, con abundante tráfico tanto peonil como rodado. Un proxecto orzamento en 210.174,25 euros, dos que o Concello de Lousame financiará o 30% da actuación (63.052,27 euros) a través do convenio asinado hoxe. Tamén se destinarán 37.516,05 euros ao proxecto de “Redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do Concello de Lousame”, un proxecto orzamentado en 250.107 euros e que inclúe actuacións en Aldeagrande, Marracín e Tállara.

 

A maiores, levaranse a cabo melloras nos lavadoiros de Lesende e Meixonfrío, cun financiamento ao 100% destas actuacións: 49.545,12 euros e 20.710,69 euros, respectivamente. En ambos os dous casos se substituirán as cubertas por unhas novas, a unha auga, a base de pilares, vigas e correas de aceiro sobre as que se colocará un taboleiro, placas onduladas de fibrocemento e tella cerámica do país. No caso do lavadoiro de Lesende tamén se pavimentará o espazo lindeiro mediante formigón desactivado.  A alcaldesa lembrou que a actuación en Meixonfrío “é especialmente urxente porque entran humidades que poñen en risco a propia estrutura do lavadoiro e, ademais, porque os veciños e veciñas están facendo tamén un esforzo para rehabilitar as súas vivendas na contorna”.

Préstamos

Durante a sinatura destes convenios, a conselleira lembrou que a través deste fondo de cooperación para a rehabilitación que se creou hai 6 anos concedéronse, ata 2021, préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros para financiar 50 actuacións nun total de 23 concellos. Na convocatoria de 2022, cos asinados hoxe, suman xa 26 convenios firmados con 16 concellos por unha contía de 5,42 millóns de euros e aínda están pendentes de avaliación varias peticións logo de que rematase o prazo de presentación de solicitudes o pasado 30 de setembro. 

Cómpre salientar que este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.  Ademais, a través deste instrumento de financiamento, a Xunta contribúe a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios dos inmobles desatendan as súas obrigas dado que a normativa vixente permite aos municipios actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas.