O Concello de Lousame adxudica obras en viarios e camiños para a posta a punto do municipio antes do verán - Concello de Lousame

 

 Ademais das actuacións adxudicadas tamén hai unha en licitación e outra agardando pola aprobación do seu expediente

 O Concello de Lousame prepara os seus viarios e camiños de cara aos vindeiros meses. O Executivo vén de adxudicar varias obras nas diferentes parroquias do municipio. Así, nas próximas semanas o equipo técnico comezará a pavimentar os viarios de Béxeres, dos camiños da Silva a Estrada Seoane, do da DP ao Clube de Xubilados Adeagrande, así como o acceso a Vilar de Reconco. O orzamento total destinado a esta actuación é de 150.039,68 euros, que se sufragará con fondos do POS+ de 2019. O contrato desta obra xa está firmado coa empresa Excavaciones Yoni Tuñas SL.

Por outra banda, o Executivo local tamén vén de firmar o contrato con Construcións Fermín Simal SL para mellorar o acceso a Pousada dende a Estrada de Portobravo en Tállara, así coma o camiño transversal en Merelle. En total destinaranse 58.901,43 euros do POS+ 2020 a esta actuación. A mellora do camilo de Vilacoba a Vilar de Reconco tamén comezará proximamente, posto que o contrato por importe de 66.434,45 euros tamén se asinou xa coa empresa Fárido SL.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, sinalou “a importancia de todas e cada unha destas actuacións, que contribúen a acondicionar os accesos neste municipio e que, por tanto, supoñen grandes melloras no día a día da veciñanza”.

Ademais das obras xa contratadas, o Goberno local de Lousame tamén licitou para asinar proximamente o decreto de adxudicación a obra dos accesos en Comparada e a pavimentación en Bargo, todo cun orzamento estimado de 38.429,83, que tamén se contempla no documento do POS+ 2020. Asemade, o expediente de revisión da pavimentación nos viarios de Guiende (Tállara) e no acceso de Merelle aínda teñen que ser aprobados. O orzamento destas actuacións estimase en 43.397,91 euros, e tamén contará con financiamento provincial.